Como configurar un chatbot: 5 boas prácticas

Unha persoa configura unha ferramenta no portátil mentres toma notas

Xa vimos moitos asistentes funcionando en webs de todo tipo, e hai unha conclusión que se repite: o que separa un chatbot que axuda dun que molesta case nunca é a tecnoloxía. É como está configurado. Estas son as cinco cousas que máis diferenza marcan.

1. Comeza pola información, non polo deseño

É tentador pasar a primeira hora escollendo a cor da burbulla e a icona. Pero un chatbot precioso que non sabe responder non lle serve a ninguén. O primeiro é que teña a información correcta: prezos, horarios, servizos, condicións, como chegar, que pasa se alguén quere cancelar.

Se a túa web está desactualizada, este é un bo momento para arranxala, porque o asistente responderá co que atope. E se hai cousas que non están na web (unha tarifa interna, unhas condicións especiais), ensínallas á parte.

Unha muller traballa no portátil e apunta ideas no seu escritorio

2. Dálle unha personalidade que se pareza ao teu negocio

Unha asesoría e unha tenda de roupa xuvenil non falan igual, e o seu chatbot tampouco debería. Decide se trata de ti ou de vostede, se as respostas son breves ou máis detalladas e se pode usar algún emoji. Parecen detalles menores, pero son os que fan que o visitante sinta que fala co teu negocio e non cunha máquina xenérica.

Un consello: ponlle nome. «Lucía, do equipo de Clínica Norte» xera máis confianza ca «Chatbot».

3. Decide que pasa cando non sabe algo

Ningún asistente o sabe todo, e non pasa nada. O importante é o que fai nese momento. O peor que pode facer é inventar unha resposta; o segundo peor, deixar o visitante sen saída. O bo é recoñecer que non o sabe e ofrecer unha alternativa: deixar os seus datos para que o chames, pasar a conversa a alguén do equipo ou darlle o teléfono.

E revisa de cando en vez que preguntas non soubo responder. Esa lista vale ouro: dicche que información falta na túa web.

4. Convérteo nunha forma de conseguir clientes

Un chatbot que só responde está desaproveitado. Se alguén pregunta por un orzamento, o asistente debería ofrecerlle deixar o seu contacto nese momento. Se dás citas, que poida reservala sen saír do chat. Se alguén quere falar cunha persoa, que poida facelo.

Configura ben o formulario de contacto: pide só o imprescindible (normalmente nome e teléfono ou correo electrónico) e, como moito, unha ou dúas preguntas que che axuden a preparar a chamada.

5. Non o instales e o esquezas

As primeiras semanas son as máis importantes. Le algunhas conversas, mira que pregunta a xente e como responde o asistente, e axusta o que faga falta. Ás veces é engadir un dato á web; outras, darlle unha indicación («cando pregunten por prezos, lembra que a primeira visita é gratis»).

Despois dese primeiro axuste, abonda con botar unha ollada de cando en vez. E se cambias algo importante na túa web, asegúrate de que o asistente o sabe.

Como se fai todo isto con OX·IA

Contámosche como funciona en OX·IA, porque o deseñamos precisamente para que estas cinco cousas sexan fáciles. O asistente le a túa web pola súa conta e actualízase cada noite co que cambias; se usas WordPress, co noso plugin aprende ao momento cada páxina que publicas. O seu nome, o trato de ti ou de vostede, a lonxitude das respostas e a súa personalidade escóllense cuns poucos clics, sen escribir instrucións complicadas.

Cando non sabe algo, dio e ofrece o teu formulario de contacto, que personalizas ao teu gusto, ou pásache a conversa dentro do teu horario. E no panel ves agrupado por temas todo o que a túa web non responde, para que lle ensines a resposta nun momento. Se queres velo coa túa web, a demo é gratis.

¿Prefires falar cunha persoa?

Chámanos e contámoscho, sen compromiso.